
daveiga estrea novo obrador
Estamos de estrea! O pasado sábado día 29 fíxose a entrega formal das NOVAS INSTALACIÓNS de DAVEIGA, situadas no Polígono Os Acivros de Chantada.
Estas instalacións están situadas nunha parcela de 12.000 m² e dispoñen de 5.000 m² de superficie construída, repartidos do seguinte xeito: 1.800 m² destinados ao obradoiro. Cando decidimos promover este proxecto, fixémolo con tres obxectivos:
1º Obxectivo:
AMPLIAR a capacidade de produción. Entendémolo como un proxecto a longo prazo que nos permitirá triplicar a capacidade de produción actual, mantendo as instalacións existentes. As novas instalacións permítennos pasar dunha capacidade de produción de 5.000 kg de galletas diarios (capacidade de 2 quendas nas instalacións actuais) a unha capacidade de 15.000 kg de galletas diarios (incluíndo as novas instalacións).
Desde mediados de 2019, levamos traballando cunha quenda de noite para atender ao crecemento de pedidos destes últimos anos. Esta era unha situación temporal á que tiñamos que dar resposta cunha ampliación da capacidade de produción.


2º Obxectivo:
REFORZAR a nosa misión como proxecto empresarial de economía social e comprometido co territorio:
– EN PRIMEIRO LUGAR. Primamos a redistribución e xeración de valor engadido no territorio. Apostamos por empresas do entorno para a súa construción, asumindo riscos e renunciando ás mellores ofertas económicas. Estabamos convencidos de que isto se vería compensado coa implicación e compromiso das empresas finalmente contratadas, como así foi. Esta aposta converteuse nun caso de éxito, de coordinación e flexibilidade (entre a empresa construtora; UTE Daveiga formada por SERVIUM (Lalín-Rodeiro) e Construcións Vence (Rodeiro), a enxeñaría INDUTEC (Lugo) e a promotora DAVEIGA), facilitando a incorporación de melloras moi significativas no resultado final do proxecto. Tampouco faltou a implicación e o bo facer do resto das empresas do entorno que participaron nas diferentes etapas da construción e instalacións da obra: Monte Faro (Rodeiro), Valcarce (Lugo), LESACA (Fene), IDF (Lugo), SIRESCOM (Santiago), SEGURIDADE JAPÓN (Ourense), EFIGALIA (Chantada), CERRALLERÍA MARBE (Chantada), SISTEMAS DIGITALES (Chantada), CARPINTERÍA LÍNCORA (Chantada). Estamos convencidos de que para todas estas empresas, a singularidade e calidade desta obra van contribuír á progresión do seu negocio. Isto é un exemplo de contribución e desenvolvemento local, axudando a que outras empresas tamén medren! Por outra parte, tamén tiñamos claro que a aposta por empresas locais era a única maneira de redistribuír o valor engadido no territorio, unha aposta clara de Daveiga desde os seus inicios.
– EN SEGUNDO LUGAR. Estas instalacións están pensadas e centradas nas persoas. No deseño do proxecto primamos a confortabilidade e o benestar das persoas que as imos utilizar (deseño agradable, luz natural, espazos amplos, servizos de calidade, etc.). Tamén nos permiten mellorar a conciliación persoal e familiar de todos os traballadores, ao poder organizar a produción actual nunha quenda con xornada continua de mañá.
– EN TERCEIRO LUGAR. A innovación e a sustentabilidade ambiental tamén están moi presentes no proxecto. A utilización e optimización de enerxías renovables (produción fotovoltaica para autoconsumo combinada coa súa acumulación mediante auga quente e fría), o uso de enerxías fósiles menos contaminantes (GNL), o aproveitamento da auga da choiva para actividades non produtivas, o aproveitamento da luz natural, a utilización de materiais con alta reciclabilidade, a integración paisaxística, etc.
3º Obxectivo:
REFORZAR a nosa identidade corporativa e comercial: – Sendo certo o anterior, estas instalacións tamén van permitir trasladar unha imaxe máis moderna e atractiva de Daveiga, o que redundará nunha mellora da imaxe comercial do proxecto.