Daveiga participará no programa de visitas escolares «Dá escola á granxa» 2026
Daveiga participa un ano máis no programa “Dá Escola á Granxa”strong> da Deputación de Lugo, achegando o mundo da alimentación e do medio rural ás novas xeracións. Unha iniciativa educativa que permite ao alumnado coñecer de primeira man como se elaboran as nosas tostas de pan mariñeiro e o valor do sector agroalimentario.
Achegar o mundo rural ás novas xeracións
O programa “Dá Escola á Granxa” está dirixido ás ANPAS de centros educativos de infantil e primaria da provincia de Lugo e facilita visitas e actividades educativas en explotacións agrarias, granxas e proxectos de emprendemento no rural.
Desde a súa posta en marcha, miles de escolares tiveron a oportunidade de participar nesta iniciativa, cuxo obxectivo é transmitir ás novas xeracións a importancia da agricultura, a gandería e a produción de alimentos, así como o seu papel fundamental na conservación do territorio e das paisaxes rurais.
En Daveiga sentimos un orgullo especial ao formar parte desta iniciativa. Durante estas visitas, as nenas e os nenos poden coñecer de preto o noso traballo, descubrir como se elaboran as nosas tostas de pan mariñeirasstrong> e comprender mellor o valor dunha alimentación ligada á tradición e á calidade das materias primas locais.
Estas xornadas tamén son unha oportunidade para compartir cos máis pequenos valores que forman parte da nosa filosofía: o respecto polo produto, a innovación dentro da tradición e o compromiso co territorio.
Aprender para valorar
Experiencias como “Dá Escola á Granxa” son fundamentais para que as novas xeracións comprendan de onde veñen os alimentos que consomen cada día.
Para nós, abrir as portas da nosa casa e compartir este coñecemento é tamén unha forma de contribuír a que os máis novos valoren o traballo do sector agroalimentario e o papel esencial do medio rural na nosa sociedade.
En que consiste a visita en Daveiga?
A visita a Daveiga é unha actividade gratuíta dirixida a grupos escolares e ten unha duración aproximada de entre unha hora e media e dúas horas.
Realízase en horario de mañá, preferiblemente ás 10:30h, de luns a xoves, e pode acoller grupos de ata 50 persoas.
A experiencia comeza cunha visita ao obradoiro, onde as persoas visitantes poden coñecer de primeira man como elaboramos as nosas mariñeiras e descubrir todo o proceso de produción. A continuación, a actividade continúa cunha degustación das nosas tostas de pan no comedor de Daveiga, organizada en pequenos grupos para facilitar a experiencia.
Os grupos deben acudir acompañados por profesorado responsable (polo menos un adulto por cada 15 alumnxs), que deberá coñecer posibles alerxias ou intolerancias do alumnado e dispoñer da autorización de imaxe correspondente. Ademais, por motivos de seguridade e hixiene, todas as nenas e nenos deben acudir á visita sen xoias nin accesorios como pendentes, aneis ou pulseiras.
Inscripcións 👉 aquí


