O «Financial Times» inclúe novamente a Lugar da Veiga no seu ranking de empresas europeas con maior crecemento.

A empresa galega Lugar da Veiga, que produce as tostas de pan, figura novamente, tras aparecer nos anos 2018 e 2019, no ranking que elabora o Financial Times sobre as entidades que máis rápido medran en toda Europa.

Daveiga recibiu tamén catro indicadores Ardán: certificado Gacela, certificado de Alto Rendemento, certificado de Xeradora de Riqueza e certificado de empresa Ben Xestionada.

A empresa galega Lugar da Veiga, produtora das tostas de pan, reaparece na clasificación elaborada por Financial Times con Statista, FT 1000: Europe’s Fastest-Growing Companiesem, no que figuran as 1000 empresas europeas cunha maior taxa de crecemento nos últimos anos. A entidade, que se fai un oco entre as 34 empresas de alimentación que figuran nunha clasificación dominada principalmente por entidades do sector da tecnoloxía, construción e servizos, acumula unha taxa de crecemento absoluto do 171.8% para o período 2016-2019 e é a terceira ocasión na que aparece nesta lista, tras figurar xa previamente nos anos 2018 e 2019.

A sociedade Lugar da Veiga SLL constitúese en xaneiro de 2005 para poñer en marcha o proxecto empresarial Daveiga Producción Responsable, cuxo principal piar estratéxico é a aposta pola economía social e o desenvolvemento local. Destaca, entre outros aspectos, o seu compromiso coa responsabilidade laboral, o desenvolvemento rural, a calidade e a seguridade alimentaria, así como o respecto polo medio ambiente. Ademais, Daveiga conta cun Sistema Integrado de Xestión de Calidade, Medio Ambiente e Seguridade Alimentaria que incorpora as certificacións ISO 9001, ISO 14001, ISO 22000, UNE 166002, IFS Food e BRC.

O proxecto, que comezou da man de 5 empregados, conta na actualidade con máis de 70 persoas traballando nas súas instalacións, cunha produción de máis de 6.000 kg de tostas de pan ao día e cunha facturación de 6.570.000€ no último ano.

Lugar da Veiga recibe tamén catro indicadores Ardán.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo identificou, unha edición máis, as compañías galegas que obteñen mellores resultados en distintos factores relacionados co desempeño competitivo. Neste sentido, Lugar da Veiga foi unha das poucas entidades que conseguiu obter catro dos nove indicadores: Gacela, Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza e Ben Xestionada. Das 35.000 empresas analizadas, só un 5% acada os criterios para obter algún indicador de boas prácticas empresariais.

Ademais destes recoñecementos, este pasado ano a entidade foi galardoada tamén co premio Pyme do Ano convocado pola Cámara de Comercio e o banco Santander, así como co certificado Plimsoll de excelencia empresarial no sector dos pans especiais de longa duración a nivel español.

“A economía social e o rural teñen futuro”, esta é a visión do proxecto Daveiga, un proxecto que, unha vez máis, demostra que se pode ser rendible ao mesmo tempo que se mantén o compromiso coas persoas, os traballadores e o medio ambiente.

 

Información adicional

Ranking FT 2021: https://www.ft.com/content/8b37a92b-15e6-4b9c-8427-315a8b5f4332

Informe Ardán 2020:  https://www.zfv.es/ardan/informe-economico.html

Ranking FT 2019: https://www.ft.com/content/238174d2-3139-11e9-8744-e7016697f225

Ranking FT 2018: https://ig.ft.com/ft-1000/2018/

Pyme del año: https://www.elprogreso.es/articulo/lugo/camara-santander-reconocen-lugar-da-veiga-como-pyme-ano/202010200930271465533.html

 

Recibe todas as novidades en receitas