A empresa da Ribeira Sacra que máis rápido medra está a construír unhas novas instalacións en Chantada que lle permitirán duplicar a súa produción. Trátase da empresa Daveiga, fabricante das Galletas Mariñeiras, un pan sen miolo de longa duración que se utiliza como aperitivo e que está presente en numerosos supermercados, sobre todo de Galicia e Portugal. A nave do polígono industrial de Os Acivros na que opera esta empresa quedóuselle pequena.
Os fabricantes das Galletas Mariñeiras tomaron a decisión de ampliar instalacións a mediados do 2019. A pesar do parón xeral provocado pola pandemia, os responsables desta empresa fundada en Chantada no 2006 decidiron seguir adiante con aqueles plans e hai unhas semanas o proceso culminou coa posta en marcha das obras. A construción da nova nave está xa en marcha nunha parcela de 12.000 metros cadrados adquirida pola empresa no polígono de Os Acivros. É o mesmo parque empresarial no que teñen as instalacións actuais, pero non crecen nunha parcela contigua, senón nunha próxima. Xunto á súa nave orixinal non hai espazo dispoñible.