En Daveiga estamos implicados na igualdade efectiva entre homes e mulleres. É por ese motivo que establecemos un Plan de Igualdade (2020-2023) e facémolo dende o convencemento de que a non discriminación e a igualdade entre mulleres e homes permiten valorar e optimizar as potencialidades e posibilidades de todas as persoas contratadas pola empresa e mellorar a súa calidade de vida.
Avanzar cara esta igualdade de oportunidades é aplicar políticas efectivas dentro da organización empresarial, á vez que tamén consiste en contribuír a paliar as posibles situacións de discriminación, directa ou indirecta, que se estean producindo na contorna laboral. Estas accións non requiren de grandes recursos, pero si dun firme e sinceiro compromiso. Así, o plan nace coa finalidade de plasmar e consolidar dentro da cultura da empresa, a real e efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como un principio que rexa, con carácter transversal, todas as súas actuacións e o compromiso que mantemos coa economía social.
Para iso, contemplamos unha serie de medidas e accións agrupadas en áreas cos seguintes obxectivos xerais:
- Promover a integración na cultura empresarial o principio de igualdade de trato, garantindo a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos de xestión da empresa.
- Previr a discriminación laboral por razón de xénero, sobre todo a discriminación indirecta.
- Corrixir posibles desequilibrios que se poñan de manifesto no diagnóstico de situación a través de medidas correctoras e específicas.
- Previr desequilibrios que se poidan producir no futuro establecendo procedementos que garantan a igualdade de oportunidades nas prácticas de xestión da empresa.
Para estes efectos, conformamos unha Comisión Permanente de Igualdade (Comité de Igualdade) formado por un grupo de mulleres e homes que, de forma voluntaria e tras unha votación democrática e transparente, conforman dito Comité e manifestan o seu compromiso para garantir o cumprimento do establecido para a consecución da igualdade de trato e oportunidades entre as mulleres e homes que forman parte do persoal e conseguir así a igualdade efectiva e a eliminación de calquera tipo de discriminación por razón de xénero en todos os ámbitos e a todos os niveis da empresa.