As chamadas Dip ou Dipping Sauce son aquelas salsas que se toman mollándoas nun elemento máis sólido. A variedade de dips que se poden elaborar é tan amplia como alimentos existen no mundo.
Estas salsas namoran, por iso queremos deixarche as receitas máis saborosas, que combinan de marabilla coas nosas mariñeiras. Ofréceas no teu menú. Serán un reclamo este verán!
Salsa de guacamole
A primeira que che queremos amosar é xa un clásico entre as salsas: o guacamole. Esta salsa é unha das máis coñecidas e solicitadas polos clientes. Un verdadeiro manxar que veu de terras mexicanas e que agora é un aperitivo popular entre nós.
Como ocorre con todas as receitas que se internacionalizan, o guacamole é unha salsa que cada cal fai “ao seu xeito”, adaptándoa aos gustos de cada rexión. En calquera caso, hai que ter en conta que hai uns ingredientes que son básicos para a preparación do guacamole tradicional.
O principal ingrediente é, como xa saberás, o aguacate. Este froito debe estar no seu punto de maduración. Como podemos saber se está maduro? Moi sinxelo, se apreixas delicadamente e a súa codia está branda, pero non afundida, é que está no seu xusto punto para ser consumido.
Outros ingredientes principais son o tomate e a cebola, os cales han de ser cortados en pequenas porcións, para que se poidan mesturar debidamente cos demais ingredientes. Ademais, precisaremos un pouco de zume de limón, que se mesturará co resto dos ingredientes e darálles un toque perfecto.
Outro elemento fundamental do guacamole é o do chile serrano, un pemento típico de México. Pero como sabemos que fóra de alí é complicado atopalo, omitirémolo nesta receita. Non te preocupes polo resultado final, estará igual de bo.
Tamén hai persoas que lle engaden cilantro, pero como este é un condimento que non é amigo de tódolos padais, será mellor que, antes de engadilo, valores se aos/ás teus/túas comensais lles gustará. Xa sabes, unha vez teñas todos os teus ingredientes, só quedará mesturalos co zume de limón e presentalos cunhas ricas galletas mariñeiras. Os/as teus/túas clientes disfrutarán moito do seu sabor.
Hummus
O hummus é moi consumido en Oriente Medio. Trátase dun prato moi saudable e moi sinxelo de elaborar, xa que precisas poucos ingredientes para preparalo.
Para facer hummus, necesitarás o seu ingrediente principal: o garavanzo. Deberás deixalos a remollo un día antes de cociñalos, debido a que os garavellos son moi duros; deixalos repousar en auga facilitará a súa cocción.
Outro ingrediente fundamental é o tahini, composto por sementes de sésamo, aceite de oliva, un dente de allo e sal, que podes preparar na casa ou mercalo en herbolarios, tendas ecolóxicas e algúns supermercados. Tamén precisarás unha pequena cantidade de zume de limón, un dente de allo, un chisco de comino moído e unha taza de auga.
Para preparalo, só tes que pasar todo polo batedor ata que quede unha masa espesa. Despois vértelo un prato e engades un pouco de aceite de oliva, esparexes un chisco de pementón e engades unhas sementes de sésamo. No prato, fai un oquiño para as mariñeiras. Deste xeito, a túa clientela poderá untalas nesta exótica salsa.
Mexilóns en escabeche
Esta receita é moi fácil de preparar e é ideal para un aperitivo previo ao xantar. Os ingredientes que necesitarás son: unha lata de mexillóns en escabeche, unha lata de atún en aceite de oliva, un queixiño e, por suposto, as mariñeiras!
Logo de abrir a lata dos mexillóns, reservaremos o escabeche a un lado para usalo despois. Despois abriremos a lata de atún e escorreremos ben o aceite. Nun batedor engadiremos o atún, os mexillóns e un queixiño, e baterémolos ata que a mestura estea homoxénea. Por último, engadimos o escabeche dos mexillóns que apartaramos ao comezo, botándoo pouco a pouco. Engadimos unhas mariñeiras para untar e xa estaría listo para servir. Como ves, é moi fácil de elaborar e seguro que lles encanta a todo o mundo.
Crema de atún
Este dip é ideal para os días de calor, xa que é fresco e lixeiro. Ademais, só precisas seis ingredientes: atún en aceite de oliva, uns pauciños de cangrexo, unha rama de ceboliño, dúas culleradas de maionesa, un chisco de sal e un chisquiño de pementa.
Primeiro, debes retirar o atún da lata e poñelo nunha cunca. No caso de que queiras empregar lomo de atún, debes cortalo antes de introducilo nun batedor. Despois cortas os pauciños de cangrexo en pequenas porcións e engádelos. Máis tarde, botas o ceboliño cortado en anacos pequenos. Do ceboliño só se emprega o talo, que será o que mesturemos cos demais ingredientes. Por último, engádense as dúas culleradas de maionesa, un chisco de sal e outro de pementa. No batedor, mesturaremos todo ata que se forme unha masa consistente. Recomendámosche que o refrixeres ata que sexa o momento de servilo.
Estas ideas son deliciosas e moi fáciles de preparar, así que non deixes de pasar a oportunidade de sorprender aos/ás teus/túas clientes con estas novas receitas. De seguro que han repetir!