En decembro, chegan as festas do Nadal. E con elas, unha oportunidade única de sorprender aos teus comensais e, no caso, atraer a clientes novos ao teu local con comida típica e decoracións propias destas festas. No post de hoxe, querémosche presentar uns sinxelos canapés que encaixan á perfección con esta época do ano e que farán as delicias das persoas que te visiten no teu local.
Canapés do Nadal
Cando chegan as festas do Nadal, os locais de restauración énchense de comensais que queren degustar pratos típicos da zona. Para abrirlles o apetito, preparámosvos unha serie de canapés típicos de nadal que permitirán que os cociñeiros/as poidan servir a todas as mesas con calma sen que os/as clientes se poñan impacientes.
1. Queixo manchego e tomate deshidratado
Este canapé é o perfecto entrante mentras agardamos pola comida! Cortamos o queixo manchego en láminas e colocamos unha en cada mariñeira. Despois, collemos o tomate deshidratado e poñémolo enriba do queixo. Con un tomate por queixo é suficiente, pero podes botarlle dous se che gusta máis. E, por último, botamos un chisquiño de aceite de oliva virxe extra por riba. Se queres, tamén lle podes engadir un pouco de pementa negra ao gusto antes de botarlle o aceite. Quedaráche un canapé sinxelo pero cheo de sabor.
2. Paté e marmelada de froitos vermellos
Este canapé é moi sinxelo e moi apetitoso. Só teremos que untar o paté nas mariñeiras de canapés e botarlles un pouquiño de marmelada e froitos vermellos. Como estes canapés soamente teñen dous ingredientes, podes facelos máis pequenos se queres. Para iso, podes empregar mariñeiras bocado.
3. Xamón ibérico, queixo de cabra e cebola caramelizada
Todos os canapés de xamón ibérico están boísimos, pero este é, sen dúbida, un dos nosos favoritos. Primeiro debemos preparar a cebola caramelizada. Cando rematemos, colocamos sobre as mariñeiras un cachiño de rulo de queixo de cabra, despois o xamón ibérico e, sobre el, colocamos a cebola caramelizada. Este é un canapé que lle gustará aos/ás fans do xamón e do queixo forte. Se non che gusta a cebola caramelizada, unha alternativa que tamén aporta un toque doce é a marmelada.
4. Gulas ao allo
Os canapés de gulas son entrantes quentes que se preparan rápidamente e que gustan moito aos/ás comensais. O canapé de gula ao allo, en concreto, é un dos máis sinxelos, xa que só precisas frixir en aceite un pouquiño de allo e mesturalo durante uns minutos coas gulas na tixola. Despois botamos sal ao gusto e xa estaría listo para servir cos canapés.
Como non podería ser doutro xeito, tampouco podemos pasar a oportunidade de recomendarvos o canapé de gulas á galega. Para facelo, só teremos que engadir ao canapé de gulas ao allo un pouco de aceite e pementón. Se tés tempo, podes servir o canapé de mariñeiras cunha pataca panadeira entre a galleta e as gulas. Riquísimo!
5. Berenxena con brie, vinagre balsámico e cebola crocante
Este canapé é o ideal para os/as comensais que sexan vexetarianos/as. Os ingredientes que precisamos son a berenxena, o queixo brie, a cebola crocante, vinagre balsámico, aceite de oilve virxe extra, sal e perexil. Para preparalo, primeiro cortamos e friximos a berenxena e lume medio e botámoslle sal e perexil ao gusto. Cando xa estea lista, engadimos o queixo brie para que se derreta coa calor. Despois colocámola nos canapés de mariñeiras, engadimos un pouquiño de vinagre balsámico e cebola crocante por riba. Antes de poñer a berenxena co brie, temos que asegurarnos de escorregala ben para que non quede aceitoso.
6. Xamón serrano e queixo crema
Este canapé é xa un clásico. É moi fácil de preparar e, ademais, está delicioso. Os únicos ingredientes que ten son: xamón serrano en liscos, queixo crema e maionesa.
Primeiro temos que cortar o xamón serrano en pequenos cachiños e botámolo nun caciño co queixo crema e coa maionesa. Despois remexemos ata que quede unha mestura uniforme. Preparamos as mariñeiras nunha bandexa e imos cubríndoas coa mestura. Para que queden ben, temos que lembrar poñer a metade de maionesa que de crema: deste xeito quedará unha pasta máis saborosa.
7. Champiñón ao allo con gambas e xamón
Este canapé é tan rico como sinxelo. Primeiro hai que frixir todos os ingredientes para despois montar o canapé. Lembra que os champiñóns hai que limpalos ben; quitarémoslles o tronco para que quede o oco onde meteremos o xamón. Nunha tixola deberemos frixir os champiñóns e, noutra, deberemos frixir o allo picado; nesa mesma tixola frixiremos o xamón e, a posteriori, as gambas. Se o prefires, podes engadir un pemento de caiena e despois retiralo á hora de servilo.
Cando todo estea listo, poñemos nunha bandexa os canapés de mariñeiras, e despois os champiñóns. No oquiño dos champiñóns instroducimos o xamón e, enriba, colocamos a gamba. Empregaremos un palillo para que non se desmonte. E, voilà! Xa temos o noso entrante listo para servir.
En canto ás cantidades, todo depende de cantos canapés queiramos servir. Normalmente, poñeremos un champiñón e unha gamba en cada mariñeira.
8. Queixo de cabra e mel
Este delicioso canapé ten notas doces e salgadas. Para preparalo, só debemos seguir uns sinxelos pasos. Primeiro, deberemos cortar o rulo de queixo de cabra en varios liscos, nin moi grosas nin moi finas. Despois, deberemos saltear nunha tixola a cebola xunto cuns pequenos cachiños de bacon, arandos, pistachos e mel. Posteriomente, collemos unhas mariñeiras especial canapé, repartímolas nunha bandexa e poñemos un toro de queixo de cabra a cada unha e repartimos o recheo por riba deles.
9. Mini-hamburguesas con confitura de mazá
As hamburguesas tradicionais son unha boa opción para todas as épocas do ano, sobre todo para os nenos e nenas. Como o Nadal é unha época moi especial, podemos preparar estas hamburguesas en formato canapé e decoralo con confitura para darlle o seu toque elegante. O primeiro que debemos facer é elaborar as hamburguesas en tamaños pequenos para que caiban nas mariñeiras. Despois, deberemos preparar a confitura de mazá. Poñemos nunha pota unha mazá pelada e cortada en anaquiños pequenos, unha cullerada sopeira de azucre e 10 gramos de manteiga, e cociñamos todo a lume lento ata que se forme unha masa uniforme. Xa estaría lista para servir!
Se non tés tempo para elaborar a confitura, podes substituíla por unha rica marmelada. Se vés que as Mariñeiras Especial Canapé son demasiado pequenas, podes empregar outras variedades. Aídna que a base non é tan plana, ao ser hamburguesa, pódese colocar facilmente.
Como vés, esta lista de canapés é moi variada, polo que che permite acertas con todo o mundo. Todos son sinxelos de elaborar, mais algúns requiren de algún tempo. Está nas túas mans decidir cales queres ofrecer, en función da túa carga de traballo ou do estilo do teu local. Agardamos que che gusten e que namoren aos teus comensais do mesmo xeito que nos narmoraron a nós.