Daveiga foi recoñecida na edición do ano 2021 con este premio que organiza a Facultade de CC Económicas e Empresariais, dentro das actividade do día do seu patrón.
O premio recoñece a Daveiga pola súa aposta pola Economía Social, os elementos innovadores dos seus produtos, a súa contribución ao Desenvolvemento Rural e a súa colaboración coa Facultade participando en diferentes accións formativas e proxectos.
Tamén se destacou a súa evolución económica e o emprego xerado nos últimos anos, con máis de 6 millóns de € de facturación e a creación de 80 postos de traballo, así como a súa aposta pola diversificación da actividade económica no rural.
O proxecto foi presentado polo Catedrático de economía aplicada da Facultade de CC Economicas e Empresarias, Xavier Vence Deza, e entregado na Facultade de Económicas e Empresariais polo Reitor da Universidade de Santiago.
Durante a cerimonia, o coordinador Xeral de Daveiga tivo a oportunidade de agradecer o premio no nome de todas as persoas que forman parte de Daveiga, e aproveitar para facer unha defensa do modelo de xestión das Empresas de Economía Social, destacando:
“As empresas de economía social son organizacións empresariais participativas, teñen como obxectivo principal ser útiles á sociedade, cunha clara vocación de redistribución do valor engadido xerado, todo iso compatible cunha remuneración digna do capital.
As EES poñen no centro ás persoas e á contorna local, situando os recursos económicos e financeiros como medios necesarios para alcanzar tal fin.
Como calquera outra empresa, as EES deben ser viables e sustentables desde o punto de vista económico, financeiro e técnico. A maiores deben aspirar a incorporar valores e principios éticos universais que deben rexer a organización e as relacións entre as persoas e os colaboradores; falamos de: respecto, transparencia, participación, equidade, solidariedade, compromiso coa contorna, intercooperación, etc…
A incorporación destes principios ao modelo de xestión empresarial fai que as EES teñan unhas vantaxes incuestionables e tanxibles, entre as que destacan:
- Creación de emprego decente: ao ser entidades onde se fomenta a participación, a transparencia, o aceso á información, así como a participación dos socios/as traballadores/as nos excedentes da actividade económica, favorece unhas condicións de traballo dignas dende o punto de vista salarial, a seguridade e o ambiente laboral.
- Contribúen a unha maior estabilidade laboral en épocas de crise: as ESS poden ser máis flexibles en períodos de crise dende o punto de vista laboral; a participación nas decisións económicas, laborais, estratéxicas, etc. fai que os membros das EES sexan proclives a un axuste salarial a través da redución colectiva da xornada laboral, relegando o despedimento á última das opcións posibles.
- Flexibilidade na organización do traballo. O modelo das EES non só aporta flexibilidade en relación á estabilidade no emprego, senón que tamén aporta moita flexibilidade á hora de distribuír a carga de traballo na planificación diaria, mensual ou anual, así como a organización do propio proceso de produción a través do desenvolvemento polivalente de diferentes postos. Neste senso, a participación das persoas e a transparencia na información son determinantes.
- Favorecen a implicación de toda cadea de valor: traballadores, provedores, distribuidores, clientes, consumidores e demais colaboradores. Valores como o respecto, a responsabilidade e a transparencia son fundamentais para conseguilo.
- Reinvestimento dos excedentes. Este modelo de xestión das EES prima o reinvestimento dos excedentes fronte ao reparto dos dividendos, sendo compatible cunha retribución xusta do capital.
- Redistribución da riqueza na contorna. Trátase de proxectos onde os/as socios/as, sexan traballadores ou non, están vinculados/as ao territorio; proxectos onde se prima a contratación de provedores locais, e o reinvestimento dos excedentes. Todos estes factores contribúen, de forma clara, á redistribución do valor engadido xerado pola actividade económica.
Por todo o exposto estou convencido de que as EES, xunto coa INNOVACIÓN, poden e deben xogar un papel determinante no DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE DA GALIZA RURAL. As razóns son evidentes se entendemos a súa esencia.”