O pasado sábado día 29 fíxose a entrega formal das NOVAS INSTALACIÓNS de DAVEIGA, situadas no Polígono os Acivros de Chantada.
Estas instalacións están situadas nunha parcela de 12.000 m2, dispoñen de 5.000 m2 de superficie construida repartidos do seguinte xeito: 1.800 m2 de obrador. Cando decidimos promover este proxecto fixémolo con tres obxectivos:
1º Obxectivo: AMPLIAR a capacidade de produción.
Entendémolo como un proxecto a L/P que nos vai permitir triplicar a capacidade de produción actual, tendo en conta que imos manter as instalacións actuais,. As novas instalacións permítennos pasar dunha capacidade de produción de 5.000 kg de galleta diarios (capacidade de 2 quendas nas instalacións actuais) aunha capacidade de 15.000kg de galleta diarios (incluíndo as novas instalacións).
Dende mediados de 2019, vimos traballando cunha quenda de noite para atender ó crecemento de pedidos destes últimos anos, esta era unha situación temporal a que lle tiñamos que dar resposta cunha ampliación da capacidade de produción.


2º Obxectivo: REFORZAR a nosa misión como proxecto empresarial de economía social e comprometido co territorio:
– EN PRIMEIRO LUGAR. Primamos a redistribución e xeración de valor engadido no territorio. Apostamos por empresas da contorna para súa construción, asumindo riscos e renunciando a mellores ofertas económicas.
Estabamos convencidos de que isto se vería compensado coa implicación e compromiso das empresas finalmente contratadas, como así foi.
Esta aposta, converteuse nun caso de éxito , de coordinación e flexibilidade (entre a empresa Construtora; UTE Daveiga formada por SERVIUM (Lalín- Rodeiro) e Construciones Vence (Rodeiro), a enxeñería INDUTEC (Lugo) e a promotora DAVEIGA. Facilitando a incorporar melloras moi significativas no resultado final do proxecto.
Tampouco faltou implicación e bo facer do resto das empresas, da contorna, que participaron nas diferentes etapas da construción e instalacións da obra: (Monte Faro (Rodeiro), Valcarce (Lugo), LESACA (Fene), IDF (Lugo), SIRESCOM (Santiago), SEGURIDADE JAPÓN (Ourense), EFIGALIA (Chantada), CERRAJERÍA MARBE (Chantada), SISTEMAS DIXITAIS (Chantada), CARPINTERÍA LÍNCORA (Chantada).
Estamos convencidos de que para todas as empresas, a singularidade e calidade desta obra, vai contribuír a progresión do seu negocio. Isto é un exemplo de contribución e desenvolvemento local, axudar a que outras empresas medren tamén!
Por outra banda tamén tiñamos claro, que a aposta por empresas locais, era o único xeito de redistribuír o valor engadido no territorio, unha aposta clara de Daveiga dende os seus inicios.
– EN SEGUNDO LUGAR. Estas instalacións están pensadas e centradas nas persoas. No deseño do proxecto primamos a confortabilidade e o benestar das persoas que as imos utilizar (deseño agradable, luz natural, espazos amplos, servizos de calidade, etc.). Tamén nos permiten mellorar a conciliación persoal e familiar de todos os traballadores; ao poder organizar a produción actual nunha quenda con xornada continua de mañá.
– EN TERCEIRO LUGAR. A innovación e a sustentabilidade ambiental están moi presentes tamén no proxecto. A utilización e optimización de enerxías renovables (produción fotovoltaica para autoconsumo combinada coa súa acumulación a través de auga fría e quente), utilización de enerxías fósiles menos contaminantes (GLN), aproveitamento da auga da choiva para actividades non produtivas, aproveitamento da luz natural, utilización de materiais cunha alta reciclabilidade, integración paisaxística, etc.
3º Obxectivo: REFORZAR a nosa identidade corporativa e comercial:
Sendo certo o anterior, estas instalacións tamén van permitir trasladar unha imaxe máis moderna e atractiva de Daveiga, o que redundará nunha mellora da imaxe comercial do proxecto.