O pasado martes, 13 de marzo, presentouse en Santiago o Foro pola Economía Social Galega; un espazo de encontro que pretende representar a todas as entidades da economía social galega e que busca o desenvolvemento desta.
No acto acudiron máis de 150 persoas, e interviñeron o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, o Presidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES), e a Concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago. Asinouse o Manifesto Fundacional e demandouse a visibilidade e a presenza da economía social galega, co obxectivo de representar os seus intereses e xerar as condicións necesarias para o seu desenvolvemento, a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos.
Daveiga colaborou patrocinando a xornada de presentación deste Foro que está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Estas entidades representan a 371 organizacións, cun volume de ingresos de 1.616,5 millóns de euros anuais e 9.276 empregados.
Para máis información: http://aesgal.org/noticias/noticia/id/85