Decembro, tempo de facer balance, votar as áncoras e ver o percorrido feito ata o momento, as experiencias e vibracións do día a día. Tras 13 anos contra vento e marea a entrada do 2018 chegou pisando forte coa renovación da imaxe de Daveiga xunto o lanzamento de novas variedades de mariñeiras ao mercado. Mais o mariñeiro non embarcou só, senón rodeado de moitos proxectos cos que comparte a súa filosofía e compromiso coa economía social, o medio rural e a cultura.
Así, as galletas mariñeiras experimentaron novos maridaxes, como a súa presenza no Festival de Cans e mantivéronse fieis a outros cos que viñan colaborando en edicións pasadas, como o caso do Festigal.
A marca e o produto acompañaron e apoiaron eventos relacionados co cinema e o audiovisual, como o Festival Primavera do Cine en Vigo, o Filmadrid Festival Internacional de Cine, en Madrid, e o Festival de Cans. As mariñeiras bailaron ao son da música de diferentes festivais celebrados en Galicia, con estilos moi variados: Festigal, Festival 17º Ribeira Sacra, Concerto Benéfico Juan María, Revenidas, Festival de Música no Claustro, Armadiña Rock, Castañazo Rock. Comprometidos sempre coa economía social e o medio rural, co pan de barco puxemos o noso gran en actividades dinamizadoras da cultura rural como Son D’ Aldea e apoiamos actos e actividades de temáticas diversas celebradas no noso entorno: La Vuelta, a Subida a Chantada, Desafío Vía Romana, o Apalpador. Alén diso, colaboramos co Banco de Alimentos, a Fundación Amigos de Galicia, e equipos deportivos da zona.
Deste xeito, damos a benvida ao novo ano coa conclusión de que o pasado, o presente e o futuro de Daveiga teñen en común a vontade coa que naceu este proxecto, incorporando o concepto “responsabilidade” á xestión empresarial. Desde os inicios, tivemos clara a nosa filosofía e quixemos plasmala na marca “Daveiga produción responsable”, traballando de xeito comprometido co desenvolvemento local sustentable, a saúde do consumidor, as condicións laborais e a economía social. Sempre da man do compromiso coa cultura galega.