Daveiga, recoñecida co Premio á Iniciativa Sostible 2026 da Agrupación industrial Alimentaria de Galicia
Daveiga foi distinguida pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) co Premio á Iniciativa Sostible 2026, un recoñecemento que pon en valor o seu compromiso cun modelo de produción responsable, o seu arraigamento no territorio e a súa aposta pola sustentabilidade como eixo estratéxico do proxecto.
Este galardón recoñece a traxectoria dunha empresa nada e desenvolvida no rural galego, dentro dun modelo de economía social que sitúa no centro ás persoas, a contorna e o impacto positivo na comunidade. A sustentabilidade en Daveiga non se entende como unha acción puntual, senón como unha forma de facer empresa integrada en toda a cadea de valor: desde a orixe das materias primas ata os procesos de produción, envasado e distribución.
Nesta edición dos Premios Galicia Alimentación, Daveiga comparte recoñecemento con outros proxectos referentes do sector alimentario galego, entre eles os nosos veciños de Chantada, Airas Moniz, tamén galardoados polo seu compromiso coa calidade, a innovación e a sustentabilidade. Esta coincidencia reforza a riqueza e diversidade do ecosistema alimentario galego, así como a forza dos proxectos que nacen e crecen no territorio.
O Clúster Alimentario de Galicia impulsa estes premios co obxectivo de recoñecer a excelencia, a innovación e a sustentabilidade na industria alimentaria, poñendo en valor iniciativas que contribúen ao desenvolvemento económico, social e ambiental de Galicia.
Para Daveiga, este recoñecemento supón un impulso para continuar avanzando na mesma dirección: consolidar un proxecto con identidade propia, profundamente ligado ao rural galego, e comprometido cunha forma de producir responsable, coherente e con visión de futuro.


